18 Oct O IV Foro da Muller Rural Galega rende homenaxe a Encarnación Sotelino, memoria viva do duro traballo no mar
Éxito de participación na cuarta edición deste punto de encontro que dá voz a todas as mulleres que co seu traballo, valentía e decisión transforman o rural
O foro contou coa presenza de 15 mulleres que visibilizaron a súa realidade nos 14 concellos do territorio
O rural ten rostro, voz e liderado de muller. Nomes propios que co seu traballo, valentía e tesón convértense nun verdadeiro revulsivo que o rural precisa para seguir medrando. A todas elas réndese homenaxe no Foro da Muller Rural Galega, un lugar de encontro posto en marcha por Galicia Suroeste para visibilizar as realidades de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio.
Unhas xornadas que chegan á súa cuarta edición con éxito de participación e con 15 novas protagonistas exemplo de emprendemento, loita e resiliencia que representan as realidades diversas que enchen de vida o rural galego. A presidenta de EuRural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou “o importante que é a implicación de todos e todas para que o rural avance. Hoxe poñemos o foco no importante papel que xogamos as mulleres e reivindicamos o apoiarnos, esteamos onde esteamos, especialmente en ámbitos tan difíciles como o rural. Hoxe visibilizamos as realidades de mulleres valentes, loitadoras, que apostaron polo noso territorio e que axudaron a facer do noso rural un lugar mellor”.
Co gallo do Día Internacional das Mulleres Rurais que se celebra o 15 de outubro, a Casona da Torre de Redondela converteuse no escenario no que visibilizar ás verdadeiras impulsoras da economía rural. Máis de 8 millóns de mulleres en España que viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandaría e na transformación agroalimentaria, pero tamén na outra cara do rural: como directivas, na artesanía, no mar, no turismo, na industria, nos servizos, na educación, no comercio e en moitos outros sectores imprescindibles para o desenvolvemento do territorio.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo “recoñecer o traballo da smulleres e o papel clave que teñen e que sempre tiveron en Galicia. A nosa terra é un país de mulleres bravas, un matriarcado no que elas sostiñan e sosteñen boa parte da economía familiar”.
A rexedora puxo en valor o esforzo e traballo de todas elas e destacou o papel do Foro da Muller Rural para dar visibilidade á loita por rachar barreiras e estereotipos, “porque temos avanzado moito, pero aínda queda moito camiño por percorrer. Temos por diante moitos desafíos, pero as mulleres no rural seguiremos afrontándoos con liderado e empoderamento xeración tras xeración, modelando sempre o futuro do rural galego. Sodes un exemplo a seguir”.
O evento contou coa presenza da deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos; así como de alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras dos 14 concellos do territorio de Galicia Suroeste.
Nesta edición, o foro deu a coñecer as realidades de 14 mulleres que visibilizan unha vez máis que o rural ofrece moito máis que o sector primario. Así, nesta cuarta edición, compartiron as súas experiencias:
- María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda).
- Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona).
- Purita Caeiro, de Alimentación Caeiro (Gondomar).
- Lucrecia García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes).
- Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos).
- Puri Leyenda, peixeira de Nigrán.
- Cristina Salgado, do Albergue da Estrela en Oia.
- Celia Diz, da Farmacia Diz Peralba no Porriño.
- Liliana Vázquez, de ‘La Renovadora Espazo Gastronómico’ (Pazos de Borbén).
- Nisi Otero, mariscadora de Redondela.
- Silvia Diego, condutora de autobús do Rosal.
- Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa en Soutomaior.
- María Dolores Filgueiras Gela, mestra no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño.
- Luz Ruibal, xerente da Sociedade Electricista de Tui.
EuRural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de vida no rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da entidade.
Encarnación Sotelino, unha vida no mar
Como é habitual, o foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais no desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a redondelá Encarnación Sotelino, memoria viva do duro traballo no mar e exemplo do legado feminino que constrúe e sostén as comunidades costeiras.
Dende meniña baixaba coa súa nai á marea e aprendeu “un oficio duro” pero do que aínda hoxe, xubilada dende hai anos, está namorada. Un traballo ao que moitas mulleres chegaban para buscar un sustento co que colaborar na casa en tempos difíciles e no que Encarnación lembra “que houbo que loitar moito” para ter un seguro que garantira o futuro cando se retiraban.
Un oficio no que comezou “nunha época na que nin botas había, cantas veces chorei co frío. Non sabiamos nadar, nin bogar cando tiñamos que coller a gamela para ir a Arcade, pero aprendiamos o que fixera falta. Con vento, con chuvia… aguantabamos todo e esperabamos o bo tempo no mar, porque senón xa non saías da casa”. Toda unha vida de traballo duro na marea dos que Encarnación fala orgullosa: “Eu non sería capaz de vivir sen mar. Imposible!”.