20 Ago Comer e facer: citas gastronómicas con compromiso medioambiental e responsabilidades compartidas
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EU Rural impulsa un plan de apoio aos eventos gastronómicos para dar pasos na sustentabilidade medioambiental
O proxecto Plan de Xestión de Resíduos en Festas Gastronómicas de interese turístico é unha acción enmarcada no Plan “A Despensa de Galicia” do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, con financiamento da UE
Cinco festas e cinco concellos, nas probas piloto do plan en 2024: Ovos fritos en Nigrán, Chulas en Moscoso (Pazos de Borbén), Zorza en Ventín (Fornelos de Montes), Callos no Porriño e Xornadas Micolóxicas, en Mos
Coa enorme afluencia de público e o nivel de popularidade que experimentan desde hai anos, as festas gastronómicas son un caso de éxito á hora de promocionar produto e territorio. As ducias de citas gastronómicas implantadas en Galicia mobilizan cada ano a milleiros de persoas -moitas delas turistas-, toneladas de alimentos, recursos enerxéticos de abondo para poñer a comida a disposición do público e, con certeza, un bo feixe de residuos. A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EU Rural, que xestiona o PSTD “A Despensa de Galicia” vén de arrancar un plan de xestión de residuos e boas prácticas para a organización de festas e eventos gastronómicos sostibles, que inclúe o desenvolvemento de cinco probas piloto nos vindeiros meses. O obxectivo? Reducir residuos e desperdicio alimentario coa implicación de todas as persoas que fan a festa.
Para poñer en marcha o plan, desde Eurural realízase un diagnóstico previo das festas desde o punto de vista ambiental e promóvense talleres de formación cos equipos organizativos. No marco desta actuación, realizarase unha guía de certificación para os eventos que recolla medidas, recursos e boas prácticas nas que fixar a atención. Trátase de analizar en que punto da senda sustentable se atopan as festas gastronómicas e acompañalas con medidas que incidan na idea de que a responsabilidade coa comunidade e co planeta debe ser compartida para dar froitos. Nas festas gastronómicas están implicadas as administracións, as comisións e asociacións veciñais, as empresas provedoras e os milleiros de persoas que as visitan. Esta actuación, centrada na xestión de residuos, procura minimizar o impacto ambiental destas citas gastronómicas e turísticas aplicando medidas antes, durante e despois de cada festa, como fomentar a recollida selectiva e promover a reutilización de materiais.
Este proxecto non pode abordar a cuestión dos residuos nas citas gastronómicas sen ter en conta o desperdicio alimentario. O Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente situaba en 2021 o desperdicio medio nos fogares en 74 quilos por persoa ao ano; segundo datos de 2022 do Ministerio de Agricultura, o produto sen utilizar supón máis dun 70% do desperdicio da sociedade española. Calquera esforzo centrado en enerxía ou residuos á hora de producir e cociñar alimentos, perde todo sentido se boa parte deles rematan no lixo. As citas gastronómicas son referentes na promoción de produtos e receitas, e expoñentes do legado cultural; incorporar alimentos de proximidade e ecolóxicos, e mellorar a trazabilidade da proposta culinaria das festas revertera na sustentabilidade do evento e na economía local.
Festas gastronómicas piloto
A proposta técnica do plan de residuos das citas gastronómico-turísticas contempla a realización de cinco probas piloto nos vindeiros meses, acompañadas dunha estratexia eficaz de comunicación cos responsables das festas e de sensibilización co público masivo destes eventos. Cinco localidades e cinco festas, diversas en traxectoria, produto e xestión organizativa, participan como primeira selección para implementar os criterios de eventos sostibles e para avaliar a efectividade da certificación e das prácticas recomendadas.
Calendario, localización xeográfica e dimensión do evento influíron na configuración dos cinco pilotos, que se desenvolverán, no mes de agosto, na Festa dos Ovos Fritos con Chourizo (Nigrán); en setembro nas festas da Chula en Moscoso (Pazos de Borbén) e da Zorza en Ventín (Fornelos de Montes), e en outubro na Festa dos Callos no Porriño e nas Xornadas Micolóxicas e Forestais, en Mos. Son eventos que rexistran cada ano unha asistencia de entre 1.000 persoas, o máis pequeno deles, e 20.000, o máis multitudinario.
O Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) “A Despensa de Galicia”, cuxo obxectivo é mitigar o cambio climático, contempla, entre outras, a implementación de medidas ambientais nos eventos gastronómicos dos concellos do ámbito territorial de Eurural, entidade presidida pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que “destaca o compromiso dos concellos de A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior Tomiño y Tui, integrantes do Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño, coa sustentabilidade e coa promoción da riqueza enogastronómica de Galicia”.
O plan de xestión de residuos e boas prácticas para a organización de festas e eventos gastronómicos sostibles, forma parte do eixo programático “Transición verde e sostible” do PSTD “A Despensa de Galicia” no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.