23 Jul Eureka Reto Rural viaxa ao pasado nunha ruta polas casas indianas de Pazos de Borbén
Con esta actividade xa suman doce as probas celebradas dentro do marco da iniciativa de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
Terá lugar o sábado 27 de xullo ás 20.00h. Inscricións xa abertas na web
A emigración galega a América e as Casas Indianas serán as protagonistas da próxima competencia de Eureka Reto Rural. Nesta ocasión será o concello de Pazos de Borbén o encargado de acoller este orixinal percorrido posto en marcha por EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no que as e os participantes poderán poñer a proba as súas habilidades mentais e físicas. Deste xeito, o público poderá resolver o escape room ao aire libre á vez que coñecen o territorio de forma interactiva nesta ruta titulada “A emigración e as casas indianas”.
O vindeiro sábado 27 de xullo será cando os participantes poderán percorrer a localidade de Pazos de Borbén para coñecer dun xeito orixinal a historia daqueles veciños que entre o século XIX e principios do XX emigraron a América. A través dunha serie de desafíos competirán cos seus veciños e
veciñas neste reto ao aire libre.
O escape room terá inicio ás 20.00h e partirá do Torreiro de festa de As Xunqueiras, dende onde as e os participantes poderán iniciar esta ruta circular de dificultade moderada. As persoas que teñan interese en participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, e xa no punto de encontro se crearán os equipos daqueles que participen nesta modalidade. A pesar de ser unha actividade apta para tódalas idades, as e os menores de 12 anos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta.
Para participar na ruta só será necesario contar con papel, lapis, un teléfono móbil e internet. Ademais, aquelas persoas que non poidan xogar o día da actividade terán a posibilidade de acceder ao escape room durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
A presidenta de EuRural, Sandra González, anima á xente a formar parte desta antepenúltima iniciativa de Eureka Reto Rural, “coa que nos mergullamos de cheo no verán con novos desafíos ao aire libre coas que coñecer novos recunchos do noso territorio, así como a historia e a tradición dos concellos que forman parte del. É un orgullo ver que proba a proba veciñanza e visitantes únense no desfrute dunha actividade que nos permite amosar o noso lado máis turístico dun xeito diferente e único”.
Pola súa parte, o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, convidou a todo o mundo a participar para coñecer a pegada cultural e arquitectónica da diáspora e, desta forma, “apreciar as mostras das Casas Indianas, dende as máis modestas a auténticos pazos. Todo isto nun entorno con enorme encanto, a Parroquia de Xunqueiras, unha paixase que non vai defraudar a quen non coñeza xa o lugar”.
É importante lembrar que esta non será a única aventura da zona esta fin de semana, xa que xunto coa de Pazos de Borbén o sábado 27, o domingo 28 temos outra cita no concello veciño de Fornelos de Montes, cuxa temática nos achegará á “Festa Gastronómica da Carne do Suído e da Chafaina” tras adiarse a data inicial por cuestións meteorolóxicas. O escape room de Fornelos de Montes sairá ás 18.00h da zona axardinada do Centro Multiusos.
O equipo gañador de ambos escape rooms poderá desfrutar dunha emocionante experiencia náutica. No caso de Pazos de Borbén, terá lugar a bordo dun barco tradicional, no que poderán observar os traballos da pesca artesanal no entorno de Baiona-Cíes, así como dunha degustación a bordo de produtos do mar. No caso de Fornelos de Montes, os afortunados desfrutarán dun paseo en barco polo río Miño dende Tui, cun pequeno aperitivo ou merenda e comida ou cea con degustación no restaurante Beldade.
No relativo aos sorteos, o Concello de Pazos de Borbén sorteará produtos locais e de artesanía e o de Fornelos de Montes vales para empregar en dúas carnizarías da contorna.
As próximas datas, concellos e temáticas dispoñibles tras a ruta de Pazos de Borbén serán:
– 28 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa Gastronómica da Carne
do Suído e da Chanfaina ’.
– 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
– 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.