Máis de 200 persoas superan entre viñas e viñedos do Rosal un novo desafío de Eureka Reto Rural

Máis de 200 persoas superan entre viñas e viñedos do Rosal un novo desafío de Eureka Reto Rural

O equipo ‘Tanedo’, o máis rápido en rematar o xogo, gañou unha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, birdwatching e comida no Restaurante Casa Chano en Redondela

A vindeira cita será o sábado 20 de xullo en Tomiño. Inscricións xa  abertas na web

Desafío entre viñas e viñedos superado. Máis de 200 persoas aceptaron unha nova proba de ‘Eureka Reto Rural’ para desfrutar no Rosal dunha experiencia única que combinou diversión e aprendizaxe sobre a tradición vitivinícola rosaleira. Unha actividade interactiva, divertida e orixinal pensada para toda a familia coa que EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúan a desvelar os segredos do territorio e que neste caso e aproveitando a celebración da XXXII Feira do Viño do Rosal levou a todas e todos os participantes a resolver pistas e desafíos relacionados co proceso de produción do viño.

O equipo ‘Tanedo’ foi o gañador do escape room, polo que poderá desfrutar dunha ruta en caiac ata San Simón, con experiencia intermareal, birdwatching e unha comida no Restaurante Casa Chano de Redondela para seis persoas. Por outra banda, ‘Aliens’, ‘LNeRodri’ e ‘Lapandi’ foron os gañadores dos lotes de produtos locais da tenda Paquín, especializada en produtos típicos galegos e das Rías Baixas, mentres que ‘Las Bebedoras’ e ‘HugoP’ gañaron prazas para desfrutar da cata de viños a cargo de Marina Cruces na Feira do Viño do Rosal.

As persoas que non puideron asistir esta fin de semana á cita no Rosal poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 20 de xullo ás 20.00 horas en Tomiño co ‘Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago’ como temática central.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.