12 Jul Adiado o escape room de Fornelos de Montes por causas meteorolóxicas
Trasládase ao domingo 28 de xullo ás 18.00 horas
Por causa meteorolóxicas o escape room de Fornelos de Montes adiarase ao domingo 28 de xullo ás 18.00 horas. As persoas xa inscritas nesta actividade non deben volver a rexistrarse.
‘Eureka Reto Rural’ sorprenderá ás e aos participantes con este novo desafío en Fornelos de Montes, unha xornada chea de probas, enigmas e retos para coñecer un pouco máis a historia e o patrimonio da vila e achegarse á tradicional Festa da Chanfaina e da Carne do Suído. O escape room partirá ás 18.00 horas do Centro Multiusos, na zona axardinada na rúa das Escolas número 4, para desfrutar dunha ruta circular de dificultade moderada.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
O equipo gañador do escape room de Fornelos de Montes poderá desfrutar dun paseo en barco polo río Miño dende Tui, cun pequeno aperitivo ou merenda e comida ou cea con degustación no restaurante Beldade para seis persoas. Ademais, o Concello sorteará dous vales cun importe de 75 euros cada un para gastar na Carnicería Gregorio e na Carnicería Albino e poder así desfrutar dos produtos cárnicos da contorna.