17 Jun Preto de 450 persoas aceptaron os desafíos de Eureka Reto Rural na Guarda e Mos esta fin de semana
O equipo ‘Toxiños’ gañou o reto da Guarda, mentres que en Mos ‘Medio Botillo’ foi o máis rápido en rematar xogo de escapismo
O sábado 22 de xuño temos unha nova cita no Porriño. Inscricións xa abertas na web
Fin de semana de proba en proba con ‘Eureka Reto Rural’. Arredor de 450 persoas desfrutaron na Guarda e Mos dunha nova proposta deste xogo de escapismo ao aire libre e de balde que en cada sesión reúne a centos de participantes para gozar e coñecer o territorio dun xeito diferente, interactivo e único. Organizado por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, os desafíos de ‘Eureka Reto Rural’ conquistan dende a súa posta en marcha a persoas dos 14 municipios do territorio e visitantes e conta cada sesión cunha grande afluencia de público.
Este sábado unhas 200 persoas achegáronse á Guarda para mergullarse no pasado mariñeiro da vila e explorar diferentes lugares cos que ir percorrendo e descubrindo a historia da vila guardesa, sempre moi vinculada ao mar, así como a súa rica gastronomía.
O equipo ‘Toxiños’ foi o gañador do escape room da Guarda, premiado cunha experiencia gastronómica con aloxamento para un máximo de 6 persoas unha noite no Pazo da Escola de Gondomar, acompañado de almorzo e xantar. Por outra banda, o grupo ‘Los lentos’ foi o gañador do lote de produtos de degustación do mar sorteado polo Concello entre todas e todos os participantes.
Xa o domingo, arredor de 250 persoas desafiaron ao mal tempo para coñecer un pouco máis sobre a Festa da Rosa de Mos, unha celebración de grande importancia para veciños e veciñas que se celebra dende hai 51 anos e que busca enxalzar a Rosa de Quirós.
A proba de Mos foi gañada polo equipo ‘Medio botillo’, que poderá desfrutar dunha visita ao taller de orfebrería Areladefe, en Oia, para coñecer á artesá que está ao fronte deste proxecto, Fé González. A experiencia incluirá a elaboración dunha peza sinxela para levar como lembranza e un paseo guiado á beira domar seguindo o tramo do Camiño Portugués da Costa entre o Mosteiro de Oia e As Orellidas para descubrir ‘As lendas do Camiño’ e solpor nos petróglifos da Pedreira acompañados dunha guía turística local. Pola súa banda, ‘Derradeiros’ e ‘Comebacon’ foron os gañadores dos lotes de produtos naturais de Luffadermm sorteados polo Concello de Mos entre todos os equipos participantes.
As persoas que non puideron acudir ao encontro na Guarda ou Mos poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade continuará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será o sábado 22 de xuño no Porriño con Antonio Palacios como temática central da aventura.
As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.