07 Jun O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño inicia un proxecto pioneiro de rutas sostibles con intelixencia artificial
Os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona explorarán esta experiencia piloto que permite personalizar os plans das e dos visitantes fomentando a economía circular no territorio
As novas tecnoloxías ao servizo do desenvolvemento turístico sostible do territorio. O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño colabora con MyStreetBook-Ecotours, unha iniciativa a través da que lanzará un proxecto piloto para implementar a intelixencia artificial para a recomendación e creación de rutas sostibles e o cálculo da pegada de carbono no territorio.
Os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona serán os encargados de explorar e probar esta iniciativa que comezará promovendo o desenvolvemento turístico intelixente e sostible, aproveitando as riquezas culturais, turísticas e naturais da comarca do Val Miñor e ten por obxectivo implantarse no resto do territorio.
A presidenta de EuRural, Sandra González, destaca a importancia de participar neste proxecto. “A colaboración con MyStreetBook-Ecotours permitirá aos nosos municipios non só promocionarse de xeito innovador e personalizado, senón tamén fomentar un turismo de calidade e respectuoso coa contorna. É un paso adiante na consolidación do territorio a través da dixitalización dos recursos turísticos e a promoción dos produtos e servizos locais”, resalta.
O proxecto ten por obxectivo a creación de rutas turísticas intelixentes e sostibles entre os municipios, utilizando un sistema de intelixencia artificial que promociona os destinos e personaliza os plans de viaxe segundo os gustas das persoas visitantes. Deste xeito, o proxecto dá un paso máis alá da transformación dixital do sector creando un sistema de hiperpersonalización tan demandado na actualidade que abarcará dende a etapa inspiracional, a planificación da viaxe, a estancia en destino e a viaxe de regreso.
Ademais, a iniciativa inclúe unha plataforma de xestión intelixente centrada no contido cultural, turístico, natural e comercial, permitindo así medir a pegada ecolóxica das actividades das e dos viaxeiros. O obxectivo é xerar economía circular arredor da consolidación da economía local do territorio aproveitando a dixitalización dos recursos turísticos e a promoción de produtos e servizos locais.
Nigrán, Baiona e Gondomar contan cunha rica diversidade de recursos que facilitará a creación de rutas atractivas e sostibles, aspecto clave para atraer novos perfís de visitantes. Existe ademais multitude de oferta pouco coñecida polas e polos viaxeiros ou non dixitalizada, polo que tamén se buscará a inclusión de recursos tanto estáticos que se visualizarán de xeito cómodo e intuitivo e que se xeoposicionará no territorio para facilitar unha experiencia diversa.
Os alcaldes de Nigrán, Juan González; de Gondomar, Paco Ferreira; e de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalan a importancia de contar con estas ferramentas “nun territorio comprometido cun desenvolvemento turístico sostible e innovador”. Os rexedores recalcaron a importancia que supón contar “cunha ferramenta de mobilidade intelixente que poderá ofrecer mapas interactivos incluso por temática”.
Para conseguilo, o proxecto inclúe a creación dunha base de datos unificada con información dos recursos turísticos, comercios, aloxamentos e empresas locais integrando contidos xa existentes con nova información que, conectada á intelixencia artificial, permitirá recomendar e crear percorridos en función de gustos, perfís e necesidades da e do viaxeiro.
MyStreetBook forma parte do proxecto europeo ‘Ecotours Empowering local communities turning them into laboratories for co-development of circular and sustainable tourism ecosystems’, unha iniciativa concedida pola European Innovation Council and SMEs Executive Agency (EISMEA) que se está desenvolvendo proxectos pilotos en Italia, Grecia, Francia, Hungría, Chipre e España, onde a iniciativa está a ser coordinada pola Universidade de Vigo.