07 Jun Adiado o escape room de Mos por causas meteorolóxicas
Será o domingo 16 de xuño ás 11.00 h. Inscricións xa abertas na web
Por causas meteorolóxicas o escape room de Mos adiarase ao domingo 16 de xuño ás 11.00 horas. As persoas xa inscritas nesta actividade non deben volver a rexistrarse.
Mos prepárase para descubrirnos todo o que rodea á Festa da Rosa no novo desafío ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se están a realizar xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre no territorio. Unha inmersión fascinante na riqueza cultural e histórica deseñada para todos os públicos e totalmente de balde coa que o público xa está explorando os máis variados recunchos dos 14 concellos.
O escape room partirá ás 11.00 horas do Pazo de Mos nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape room permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
O equipo que consiga superar a proba no menor tempo posible gañará unha visita e experiencia no taller de orfebrería Areladefe, en Oia, para coñecer á artesa ao fronte do proxecto, Fé González. A experiencia incluirá a elaboración dunha peza sinxela para levar como lembranza e un paseo guiado á beira do mar seguindo o tramo do Camiño Portugués da Costa entre o Mosteiro de Oia e as Orellidas para ir descubrindo ‘As lendas do Camiño’ e solpor nos petróglifos da Pedreira acompañados dunha guía turística local.
Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Mos sorteará 6 lotes valorados en 150 euros de produtos naturais de Luffadermm, un proxecto dos centros EVD Galicia, unha institución relixiosa sen ánimo de lucro da Congregación Escravas da Virxe Dolorosa que ten como misión promover a dignidade de mulleres con discapacidade intelectual facilitándolles apoios individualizados de calidade.