25 Abr ‘Eureka’ descobre os misterios do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño con 14 aventuras ao aire libre
EuRural pon en marcha unha serie de escape rooms dixitais temáticos relacionados coa cultura, historia e patrimonio de cada un dos concellos do territorio
Os xogos arrancarán o vindeiro 12 de maio en Baiona cunha ruta sobre a ‘Arribada da Carabela Pinta’. Inscricións xa abertas na web
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa os seus esforzos por impulsar o turismo e a diversión ao aire libre no territorio cunha iniciativa innovadora, ‘Eureka’, un produto turístico centrado na realización de 14 escape rooms dixitais que levarán ás persoas participantes a explorar diferentes recunchos dos 14 concellos do Xeodestino.
“É unha orixinal iniciativa que non só ofrecerá ás e aos visitantes unha experiencia única para descubrir a riqueza cultural e natural do noso territorio, senón que tamén promoverá a colaboración entre os concellos do Xeodestino e fomentará o coñecemento do resto do territorio”, destacou Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural e alcaldesa de Tomiño, durante a presentación dos xogos dixitais no Porriño.
Para coñecer un pouco máis os concellos do Xeodestino, estes escape rooms de balde ofrecerán desafíos lóxicos e enigmas contextualizados na cultura local, incluíndo personaxes históricos e elementos naturais do municipio no que se celebre. Catorce aventuras para desentrañar os misterios do territorio a través de códigos QR e xeolocalización para a resolución das distintas probas, garantindo unha experiencia inmersiva coa que mergullarse na realidade dos 14 municipios.
Como explicou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, “este produto turístico bríndanos unha oportunidade perfecta para dar a coñecer un dos nosos grandes referentes culturais, o arquitecto Antonio Palacios, e a oferta turística que xira arredor da súa figura. Ademais, este ano conmemoramos o 150 aniversario do seu nacemento e o centenario da nosa Casa Consistorial cun nutrido programa de actividades que poñen en valor a figura e obra deste ilustre porriñés”. “Aproveito para convidar a todo o mundo a visitarnos e coñecer o legado patrimonial e cultural que Palacios deixou na súa vila natal”, recalcou.
A presentación de Eureka contou cunha pequena demostración do que serán estes xogos virtuais na que participaron ademais de Sandra González e Alejandro Lorenzo, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a rexedora de Oia, Cristina Correa; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; a concelleira de Baiona, Sheila González; a de Mos, Sara Cebreiro; a do Porriño, Vanessa Ucha; a de Redondela, Rita Pérez; a de Soutomaior, Silvia Cernadas; e a concelleira de Tui, Ana Núñez.
Baiona será o concello que estree esta serie de escape rooms temáticos o vindeiro 12 de maio. Todos os xogos virtuais estarán deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo: unha experiencia turística para ata seis persoas valorada en 500 euros noutro concello do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Ademais, entre todas as persoas participantes cada concello sorteará un lote de produtos do territorio valorado en 150 euros.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro da actividade para a formación dos equipos. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Cada xogo abrirase na data de celebración do evento e permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
A programación de datas, concellos e temáticas será a seguinte:
- 12 de maio. Baiona. ‘Arribada da Carabela Pinta’.
- 18 de maio. Nigrán. ‘Domingo Villar – A praia dos afogados’.
- 26 de maio. Tui. ‘A comunidade xudía en Tui’.
- 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
- 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.
- 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
- 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
- 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
- 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
- 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
- 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
- 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
- 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
- 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.