Produtos do territorio para descubrir a esencia da orixe

Produtos do territorio para descubrir a esencia da orixe

Eu Rural organiza xunto ao GDR Limia-Arnoia un proxecto que busca poñer en valor os produtos locais a través da gastronomía, a cultura e o patrimonio

Presentaron este venres no concello ourensán de Muíños a curtametraxe que recolle a historia da gandaría Nogueiras e como as súas instalacións se transformaron no escenario perfecto para un grande evento aberto á veciñanza de Verea

 

Nun recuncho do rural galego, entre verdes prados e historias de esforzo e dedicación, nace un proxecto que redefine a relación entre a veciñanza e as súas raíces. É ‘A Esencia da Orixe’, unha iniciativa posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural en colaboración co GDR Limia-Arnoia que busca poñer en valor os produtos do territorio a través da gastronomía, a cultura e o patrimonio.

Representantes dos dous grupos de desenvolvemento rural e os as os protagonistas deste proxecto presentaron este venres no concello ourensán de Muíños a curtametraxe ‘A Esencia da Orixe’, unha peza audiovisual que captura a esencia e a historia da gandaría Nogueiras e como as súas instalacións na pequena aldea de Pitelos se transformaron no escenario perfecto para acoller un grande evento aberto a toda a veciñanza de Verea. “É moito máis que unha historia, é unha homenaxe a todas as familias e a todas as persoas que manteñen viva a chama do rural galego”, salientou Eva Gil, de Eu Rural.

Nun acto que contou coa presenza de numeroso público, Gil resaltou “a importancia da cooperación entre territorios, porque dela saen proxectos tan interesantes como este. Non podemos máis que dar ás grazas á familia Nogueiras por apostar polo rural e facernos crer que todo aquilo polo que traballamos paga verdadeiramente a pena. É un orgullo ver que como eles hai moita xente en Galicia que aposta por dedicarse aos piares fundamentais do desenvolvemento rural como a agricultura e a gandaría. Todas e todos vós sodes a verdadeira esencia da orixe”.

A curtametraxe convértese nunha narrativa de xeracións, na historia de Antonio e Marcos Nogueiras e de como un fillo comprométese cun proxecto familiar que dá agora vida a unha explotación gandeira de máis de 300 vacas de raza cachena en terras de Verea. Doce minutos de testemuños, imaxes, música e ledicia que recollen como se pode soñar cun futuro no que outro rural é posible.

O pequeno documental recolle tamén o proceso de transformación da palleira da gandaría Nogueiras nun grande escenario para acoller un evento novidoso con obradoiros para a cativada, sesión vermú, música e un showcooking que contou coa participación do chef do territorio de Eu Rural Iván Méndez, xefe de cociña en Tabalú Food&Tech, e de Álex Iglesias, do restaurante Dúas Liñas en Arzúa. Unha demostración gastronómica de alta cociña cos produtos do territorio de Eu Rural como protagonistas con espectaculares pratos para degustar como empanada de mexillóns e verduras da horta do Rosal, torrixa do pan do Porriño, roscón de Copena de Gondomar ou zume de mazá ecolóxico do Baixo Miño.

A actividade contou tamén coa participación de varias empresas do territorio de Eu Rural, como Viveiros Río Tollo, Adega Pateira, Altos de Torona, Adega valmiñor, Adega Vimbio, Pazo de Valdomiño, Beraki, Copena e Zumiño. Ademais durante o evento expuxéronse diferentes pezas de artesáns e artesás tamén do territorio, como de Las Flores de Greta, Redeiras da Guarda, Atalaia, Aitor Martínez, Luckys Bake Ceramic, Julia de la Cal ou Álvaro Leiro, recente gañador do Premio Nacional de Artesanía 2023.

‘A esencia da orixe’ é un proxecto que ten como obxectivo a posta en valor do rural así como dos produtos locais a través da gastronomía, da cultura e do patrimonio e que se sitúa como o seguinte chanzo do proxecto de cooperación transnacional Eurochef II.