18 Dic O pacense Álvaro M. Leiro, Premio Nacional de Artesanía 2023
O mestre cesteiro acadou a máxima distinción pola súa fusión do proceso tradicional cos deseños contemporáneos
A tamén cesteira porriñesa Julia de la Cal quedou finalista na categoría de Emprendemento
Orgullo para o territorio de Eu Rural, terra de talento e grandes persoas. O mestre cesteiro de Pazos de Borbén Álvaro Martínez Leiro foi distinguido co Premio Nacional de Artesaníado Ministerio de Industria e Turismo pola súa fusión do proceso tradicional cos deseños contemporáneos. Tras máis de dúas décadas dedicándose á cestería, o pacense acadou este importante recoñecemento ademais polo seu traballo para preservar os coñecementos e as técnicas ancestrais deste oficio.
Leiro fíxose cesteiro grazas a un proxecto fotográfico: a comezos dos 2000 viaxou por Galicia retratando vellos oficios da agricultura tradicional e quedou fascinado pola cestería en espiral, unha técnica empregada dende tempos inmemoriables para fabricar canastras e outros recipientes nos que transportar alimentos. Aínda que, sen dúbida, o fito que lle cambiaría a vida sería que Loewe o retara a replicar as súas cestas en coiro despois de que un observador da marca o descubrira nunha feira de artesanía. Durante a súa traxectoria, Álvaro M. Leiro sempre destacou polo seu compromiso coa artesanía e a cultura dos oficios e a súa obra está baseada na súa profunda conexión coa cultura galega.
Non foi a única boa nova para o territorio de Eu Rural. A tamén cesteira Julia da Cal, do obradoiro La Parabólica do Porriño, quedou finalista na categoría de Emprendemento pola súa contribución ao mundo da arte e da artesanía, onde combina técnicas tradicionais cun enfoque contemporáneo. Actualmente desenvolve o seu labor na Parabólica, un taller que fusiona deseño, artesanía e “un montón de excentricidades”, como ela mesma salienta.
Con estes novos recoñecementos son xa seis os profesionais do territorio de Eu Rural que gañan ou optan aos Premios Nacionais de Artesanía, que cada ano distinguen a actores e actrices relevantes da artesanía nacional que co seu traballo fan do sector un motor de economía, emprego e innovación e que achegan un valor engadido ao sector artesán español.
A presidenta de Eu Rural, Sandra González, trasladou os seus parabéns a Álvaro M. Leiro por un recoñecemento “que non só honra a súa excepcional destreza artesanal, senón tamén a súa dedicación a preservar e enriquecer a nosa rica herdanza cultural”. Unhas felicitacións que fixo extensivas a Julia de la Cal, “unha muller cun talento e creatividade únicos que deixaron xa unha marca indeleble no mundo da artesanía”.
“Moitos parabéns aos dous, que co seu arduo traballo fan do noso territorio un lugar máis vibrante e culturalmente enriquecedor. Estes logros resaltan a importancia de preservar e promover o talento e a mestría das nosas e nosos artesáns para enriquecer a nosa identidade cultural e fortalecer o tecido económico e social dos nosos concellos”, recalcou.