08 Jun O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desprega todo o seu territorio en Portugal
Autoridades galegas e lusas participaron nun encontro no WOW Porto de Vila Nova de Gaia con influencers e representantes de axencias de viaxe e empresas do sector
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño dá o salto ao país veciño na súa promoción. Autoridades galegas e lusas mantiveron este mércores un encontro no WOW Porto de Vila Nova de Gaia con influencers e representantes de axencias de viaxe e empresas do sector para presentar o territorio “nunha rexión que levan toda a vida visitándonos e sentíndose como na súa casa, como nós nos sentimos aquí”. “Somos punto de encontro, mestura e intercambio cando as fronteiras eran máis evidentes e hoxe somos un espazo de colaboración, de iniciativas comúns e aprendizaxe mutuo. E as eurocidades son un bo exemplo diso”, salientou Sandra González, presidenta da AD Galicia Suroeste Eurural.
Un espazo común no que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quere dar a coñecer de forma máis profunda a súa paisaxe, a súa enogastronomía ou os seus tramos do Camiño de Santiago. “Xuntos conformamos un destino turístico único co norte de Portugal, e así debemos trasladalo. Animo a todas e todos os profesionais do turismo a que afondedes nesa colaboración, que creedes unha oferta conxunta para o turismo externo e que estimuledes aínda máis ese turismo de curtas estancias”, recalcou a presidenta durante o acto.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, resaltou “a importancia de dar a coñecer o atractivo turístico destes 14 concellos do sur de Galicia aínda máis no noso país veciño”. Un país no que as e os lusos síntense como na casa, como sinalou Inácio Ribeiro, vicepresidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, que quixo facer fincapé na intensa relación histórica entre Galicia e Portugal, tamén a nivel turístico.
Pola súa banda, Juan A. González, representante institucional do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e alcalde de Nigrán, promoveu a organización de máis encontros como o celebrado no WOW Porto para intercambiar ideas e atopar espazos de colaboración entre autoridades e empresas do sector turístico. “Temos moito en común e moito que ofrecer conxuntamente. Iso representa una oportunidade que xa estamos a aproveitar, pero na que aínda queda moito camiño por percorrer”, asegurou.
Durante o encontro presentáronse as campañas do Xeodestino ‘Toda Galicia na túa man’ e ‘Mulleres do Camiño de Santiago’. Precisamente as mulleres protagonistas da último vídeo promocional foron as encargadas de contar a importancia que este elemento ten no turismo do territorio do Xeodestino e o importante vínculo que xera co país veciño, xa que Oporto é “una importante porta de entrada para o noso camiño”, aseguraban Mar Rodríguez de Tee Travel; Vanessa Ferreira, da Fundación Pazo de Mos; Lucía Fragata, técnica de turismo de Baiona; e Rosalía Verde, de Turismo da Guarda. Porque como sinalou Fragata, “para municipios pequenos como os nosos o Camiño marcou un antes e un despois. Axudounos a loitar contra a desestacionalización e abriunos a turistas estranxeiros que doutro xeito non terían chegado ata nós. Xente de Europa, de Canadá, de Estados Unidos… que pasan polos nosos municipios e que logo volven”.
Neste encontro tamén participaron responsables das cámaras municipais de Valença, Ponte de Lima, Vila do Conde e Gondomar, así como Carlos López Font, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Carlos Gómez, rexedor de Baiona; Paco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; Rocío Goberna, concelleira de Gondomar; Cristina Dosil, edil de Nigrán; Eloísa Nogueira, tenente de alcalde de Pazos de Borbén; María Castro, concelleira de Redondela; Cristina González, edil de Soutomaior; e Ana Núñez, concelleira de Tui.
O acto rematou cun menú degustación elaborado pola Xanela Gastronómica no que todas as persoas presentes puideron desfrutar da enogastronomía do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño cun menú con produto local de calidade tanto nas diferentes tapas como nos doces, nos viños con denominación de orixe ou nos cócteis. Así puideron degustar salpicón de langosta da Guarda e pan de gamba; steak tartar de cachena da Serra do Suído; tramenzinno de pan do Porriño; anguía do Miño crunchy; ameixa da ría á mariñeira; ostra de arcade ao pil-pil e a súa perla lima e limón; arroz black de choquiños de Redondela na súa tinta e alioli; pulled pork de xabaríl, pan de brioche, salsa de xema e crocante de tempura ou torrada de rosca do Val Miñor superhúmida á sarten, xeado de iogurt e escuma de faba tonka entre outras delicias.