15 Oct A tudense Teresa Ubeira, primeira homenaxeada do Foro da Muller Rural Galega de Eu Rural
Máis de medio cento de persoas participaron na UNED de Tui neste punto de encontro que pon o foco sobre as mulleres impulsoras do avance no rural
Máis de medio cento de persoas uníronse este venres no I Foro da Muller Rural Galega celebrado na UNED de Tui, un lugar de encontro posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural en colaboración co Concello de Tui co gallo do Día Internacional da Muller Rural no que recoñecer o valor das mulleres como peza fundamental para o desenvolvemento do territorio.
O primeiro paso dun foro que percorrerá os 13 concellos do territorio e que servirá “para intercambiar impresións, sumar sinerxías, tecer redes… e para que a poboación coñeza o valor que hai detrás das mans que suxeitan o rural”. Así o salientaba Sandra González, presidenta do grupo de desenvolvemento Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, durante a xornada, na que se puideron “ver claros exemplos de mulleres valentes, talentosas, emprendedoras, impulsoras de avance que asumiron o legado de construír un rural máis igualitario”, como apuntou Ana Núñez, concelleira de Igualdade de Tui.
En total 19 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 12 proxectos, iniciativas que demostran “que o rural ofrece moito máis que sector primario”. “Aos problemas de invisibilización e masculinización súmase a incertidume que ten calquera actividade económica no rural. Pero aínda con este panorama hoxe temos aquí un pequeno pero representativo exemplo do que significa emprender no rural. Porque o rural está cheo de oportunidades de emprego, só hai que detectalas e conectalas coas nosas paixóns”, asegurou Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra.
Nesta mostra de emprendemento rural participación Paula Villa, de Panadería Morales (A Guarda); Olalla Fernández, Cris Grande e Silvia Álvarez, de Ño Espazo Creativo (Baiona); Nuria e Uxía Benlloch e Antía Varhas, de Las flores de Greta (Gondomar); Marta Bargiela, do Centro de Día Adiante Mos; Águeda Ubeira, de Chupipostres (Nigrán); Fé González, de Areladefe Xoiería (Oia); Ana González, María del Carmen Escobar e María del Carmen Iglesias, de A Casa da Arenca das Maruxainas (O Porriño); Selene Domínguez, de Casa do Maior A Lavandeira (Pazos de Borbén); Ana Isabel Iglesias, de Pensión Rúa do Medio (Redondela); Noelia Goce e Eva María Baz, de Eira arquitectura SCP (O Rosal); Inés Solleiro, da Residencia Siempre Cuidándote (Tomiño) e Lissete Anziani, de Kóoch Green Cosmetics (Tui).
Homenaxe
Cada ano, o Foro reservará un espazo para o recoñecemento de mulleres que son e foron pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Nesta primeira edición rendeuse homenaxe á tudense María Teresa Ubeira, por toda unha vida loitando por demostrar que existe outra forma de educar e que os nenos e nenas con problemas “son capaces de chegar a unha illa de normalidade a través da integración”. Fundadora xunto a Juan Llauder de O Pelouro, leva dende 1973 “sementando dende unha parroquia tudense un proxecto innovador o que cada neno e cada nena teñen o seu protagonismo”. Moi emocionada, Ubeira recibiu de mans de Sandra Álvarez unha escultura da artista búlgara afindaca en Tui Liliya Pobornikova.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asegurou sentirse especialmente satisfeito con este galardón que recoñece o labor desta institución, “porque se emprender hoxe en día no rural e sendo muller é difícil, nos anos 70 era case imposible. Hoxe comezamos a pagar unha débeda histórica con Teresa e Juan, que nos fixeron partícipes dun proxecto innovador e pioneiro”.
As xornadas contaron tamén con moitos representantes dos 13 municipios do territorio que conforma Eu Rural, como a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde de Nigrán, Juan González; o rexedor da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Mos Sara Cebreiro; a edil de Soutomaior Cristina González; ou as concelleiras de Pazos de Borbén María Dolores Santoro e Blanca Míguez.