Eu Rural pon en marcha o Foro da Muller Rural Galega

Eu Rural pon en marcha o Foro da Muller Rural Galega

Celebra este venres 15 a súa primeira edición en Tui coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais

Será unha xornada de networking na que 19 mulleres compartirán a súa experiencia liderando iniciativas rurais no territorio

Ceder ás mulleres o protagonismo e poñer en valor e destacar iniciativas que apostan polo rural. Ese é o obxectivo do I Foro da Muller Rural Galega, posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, que este venres 15 celebra a súa primeira edición ao abeiro da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais en colaboración co Concello de Tui.

As instalacións da UNED en Tui acollerán esta primeira xornada de traballo na que 19 mulleres explicarán a súa situación liderando iniciativas rurais no territorio de Eu Rural. Así, despois do almorzo e networking ás 10.00 horas e da inauguración oficial ás 10.30 h, dará comezo o apartado ‘Compartindo experiencias, visibilizando realidades’, unha quenda de intervencións que este ano contará coa participación de Paula Villa, de Panadería Morales (A Guarda); Olalla Fernández, Cris Grande e Silvia Álvarez, de Ño Espazo Creativo (Baiona); Nuria e Uxía Benlloch e Antía Varhas, de Las flores de Greta (Gondomar); Marta Bargiela, do Centro de Día Adiante Mos; Águeda Ubeira, de Chupipostres (Nigrán); Fé González, de Areladefe Xoiería (Oia); Ana González, María del Carmen Escobar e María del Carmen Iglesias, de A Casa da Arenca das Maruxainas (O Porriño); Selene Domínguez, de Casa do Maior A Lavandeira (Pazos de Borbén); Ana Isabel Iglesias, de Pensión Rúa do Medio (Redondela); Noelia Goce e Eva María Baz, de Eira arquitectura SCP (O Rosal); Inés Solleiro, da Residencia Siempre Cuidándote (Tomiño) e Lissete Anziani, de Kóoch Green Cosmetics (Tui).

Tras este espazo, ás 12.30 h, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será de Tui.

As persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia en comunicacion@eurural.org.