01 Oct Eurochef leva a súa maxia tras os fogóns a Nigrán
Aberto o prazo de inscrición para participar no showcooking que se celebrará o vindeiro 12 de outubro ás 12.00 h na praza do Concello
Nova parada do proxecto Eurochef. Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias levarán a súa maxia tras os fogóns a Nigrán, que acollerá un showcooking o vindeiro martes 12 de outubro ás 12.00 horas na praza do Concello. A actividade será completamente de balde e con aforo limitado. As persoas interesadas en participar xa poden facer a súa inscrición a través da páxina web de Eurural. Dende Eurural e todos os grupos de desenvolvemento rural participantes no proxecto Eurochef agradécese a colaboración do Concello de Nigrán e convídase a toda a veciñanza a desfrutar deste novo evento.
O showcooking forma parte do programa de actividades de Eurochef Project, un proxecto de cooperación transnacional Leader liderado por Eurural e no que tamén participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Con esta iniciativa búscase fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras, intercambiar experiencias, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.
O proxecto conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.