A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, presentarán a nova campaña do xeodestino, ‘Toda Galicia na túa man’

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño prepárase para sorprender cos seus novos produtos en FITUR

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, presentarán a nova campaña do xeodestino, ‘Toda Galicia na túa man’
Será o vindeiro xoves 20 de maio ás 17.00 horas no stand oficial de Galicia

 

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta motores para participar por segunda vez consecutiva na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate para darse a coñecer. O xeodestino sorprenderá ao público participante cos seus novos produtos, con todos os recursos desenvolvidos durante este último ano para chegar ás persoas visitantes e coa súa última campaña, ‘Toda Galicia na túa man’.

A alcaldesa de Mos e representante institucional do Xeodestino, Nidia Arévalo, e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Garrido, serán as encargadas de facer balance dos dous anos de bagaxe do xeodestino e adiantar a dirección que seguirán os próximos produtos turísticos. Será o vindeiro 20 de maio ás 17.00 horas no stand oficial de Galicia en FITUR.

No último ano o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño traballou para a posta en marcha de catro novas rutas turísticas centradas na pedra e no patrimonio oculto para visibilizar as posibilidades turísticas do territorio, composto por 14 concellos (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui). A pesar das diferentes realidades de todos estes municipios, o xeodestino consigue aglutinalos a todos para unha xestión turística unificada, optimizando recursos e creando produtos turísticos diferenciados.