30 Oct Un mar de fotografías para demostrar que con elas non hai quen poida
Inaugurada no Pazo de Mos a exposición ‘Namórate de ti’, que estará aberta ao público ata o 30 de novembro de luns a sábado de 16.00 a 19.00 h
“É tan necesario na sociedade que vivimos coidar ás nosas mulleres, pero tamén coidarnos a nós mesmas. Porque non imos conseguir esa igualdade real se non somos nos mesmas as que nos poñemos en valor”. Así o salientaba a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na súa intervención ante todas as persoas asistentes este xoves á inauguración no Pazo de Mos da exposición fotográfica ‘Namórate de ti’, baseada no traballo realizado por 12 mulleres no curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía, impartido grazas á organización da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e á achega do Ministerio de Igualdad, da Xunta de Galicia, do Concello de Mos, do Centro de Información á Muller (CIM) mosense e da Fundación Pazo de Mos, lugar onde se impartiu o taller.
A mostra, que estará aberta ao público ata o 30 de novembro de luns a sábado de 16 a 19 h, recolle fotografías e pensamentos de todas as participantes neste curso, no que mulleres de diversas idades traballaron intensamente cuestións relacionadas coa autoestima, o autoconcepto, a vida consciente, a cooperación, a desinhibición ou o empoderamento. “Somos todas moi fortes e valentes e deste curso saímos reforzadas. Con ‘Namórate de ti’ chegamos ao porto, embarcamos, non sabiamos nadar, iamos ao mar, estabamos soas, con medo. No mar coñecémonos, choramos, rimos, empezamos a respirar”, explicou unha das mulleres participantes na formación, para quen o curso supuxo chegar a porto “libre e con forza, pensando en nós, valorándonos e sabendo que temos que querernos”.
Todo un proceso de aprendizaxe conseguido en catro sesións grupais nas que as participantes compartiron unhas vivenzas enriquecedoras a través da cohesión e autoobservación, que lles fixo replantearse aspectos das súas vidas grazas á complicidade creada “que nos axudou moito a todas. Todos temos medo a que pasen cousas boas ou malas, pero temos que aprender a que é peor que non pase absolutamente nada nas nosas vidas”. Como símbolo desa fortaleza adquirida no curso, unha das participantes quixo agasallar ás súas compañeiras cunha planta coñecida co nome de ‘Comigo non hai quen poida’.
Un documental, en proceso
Ao acto inaugural da exposición asistiron xunto á alcaldesa de Mos, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro; a edil de Promoción Económica, Desenrolo Empresarial, Emprego, Educación, Persoal e Réxime Interno e Mobilidade, Julia Loureiro; representantes do GDR 14; a avogada do CIM de Mos, Ana Rodríguez Cabaleiro; a presidenta do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, Juana María Moreno, e a responsable da área de Cultura e Eventos do Pazo de Mos, Vanesa Ferreiro. Durante o acto, as mulleres participantes no curso fixeron unha actuación no escenario do auditorio para todas as persoas asistentes e, a continuación, fíxose unha visita pola mostra.
Con esta exposición non rematan as actividades de ‘Namórate de ti’, que se completará cunha curta documental sobre o proceso que implica a realización deste curso por parte das 12 mulleres participantes que durará entre 8 e 10. A rodaxe, feita tamén por dúas mulleres, comezou ao inicio do curso e aborda o procedemento de cambio de perspectiva de todas as participantes tras a acción formativa. O documental prevé estrearse nas redes sociais con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero o vindeiro 25 de novembro.