Eurural leva a Mos o seu curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía

Eurural leva a Mos o seu curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía

Eurural leva a Mos o seu curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía

 

A actividade, de balde, celebrarase os días 28 e 29 de setembro e 5 e 6 de outubro no Pazo de Mos e rematará coa exposición dunha selección de fotos realizadas durante as distintas sesións

A organización gravará un documental que recolla a experiencia das participantes

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural volve a poñer en marcha ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’, un curso dirixido a mulleres que ten por obxectivo que todas as participantes aprendan a quererse e valorarse a si mesmas utilizando a imaxe e a foto como ferramenta. A actividade, organizada ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e loita contra a violencia de xénero, celebrarase nesta segunda edición no Pazo de Mos coa colaboración do Concello de Mos, do Centro de Información á Muller (CIM) do municipio e da Fundación Pazo de Mos.

Este taller gratuíto terá lugar os días 28 e 29 de setembro e o 5 e 6 de outubro de 16.30 a 19.30 horas. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na páxina web de Eurural.

Dirixido principalmente a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas e vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, ao longo de catro xornadas as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira guiarán ás participantes para axudarlles a reforzar a súa autoestima e o autoconcepto que teñen de si mesmas, ao tempo que fomentarán a súa unión social e a cooperación grupal. Farano a través de sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o amor propio e para aprende a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

O curso rematará cunha exposición no propio Pazo de Mos dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións e que se inaugurará o vindeiro 30 de outubro ás 19.30 horas. Ademais, tamén durante o mes de outubro, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá unha mostra coas imaxes da primeira edición do taller.

Por outra banda, co fin de recoller a experiencia das participantes nos diferentes obradoiros de ‘Namórate de ti’, Eurural gravará un documental que reflicta a vivencia das mulleres que desfruten do curso en Mos, das participantes na edición do ano 2019 en Tomiño e de todas as mulleres que acudan ao curso que organizará o Concello de Pazos de Borbén en vindeiras datas.