25 Jun Cinco proxectos en marcha para seguir transformando o rural
Estas iniciativas, co-financiadas con fondos Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR 14, terminarán a súa execución este ano
Implican un investimento total de case 900.000 euros e xerarán sete novos postos de traballo na contorna
O rural segue a transformarse da man da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. Nestes momentos continúan en marcha cinco proxectos co-financiados con fondos Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR 14 na convocatoria 2019-2020, iniciativas que se certificarán e que rematarán a súa execución este mesmo ano e que suporán melloras en instalacións, a recuperación do territorio e o inicio de novas actividades económicas en catro concellos do GDR 14. Estes cinco proxectos implican un investimento total de case 900.000 euros e xerarán sete novos postos de traballo na contorna.
Entre os proxectos en marcha catalogados como produtivos atópanse iniciativas en Pazos de Borbén, Tomiño e Mos. En Pazos de Borbén está en execución un proxecto de agroturismo e hípica no Galleiro, a través do que se está a crear un centro de hípica na antiga casa escola de Nespereira para desenvolver dentro da zona rural deste monte actividades turísticas e educativas, así como unha ampla oferta lúdica para os centros escolares da contorna ou equinoterapia como tratamento para o desenvolvemento cognitivo, físico, emocional, social e ocupacional de persoas que sofren algún tipo de discapacidade ou necesidade especial.
Pola súa banda, en Tomiño estanse preparando apartamentos turísticos en Figueiró, un proxecto que procura traer unha nova actividade económica ao municipio a través do turismo coa creación de 16 novas prazas de aloxamento rural e da posta en marcha de diferentes actividades na contorna, como rutas en bicicleta ou xornadas gastronómicas.
Na parroquia mosense de Sanguiñeda esta o centro de día ‘Adiante Mos’. Esta iniciativa, posta en marcha por tres socias con grande experiencia no servizo asistencial, oferta un servizo pioneiro en Mos co obxectivo final de facilitar a conciliación laboral a todos os familiares dos usuarios e usuarias do centro grazas a contar cun servizo de apoio no seu propio municipio.
Xa dentro das iniciativas non produtivas, o GDR 14 colabora na posta en marcha de ‘As vaquiñas de Pinzás’, un proxecto innovador para a xestión sostible do monte que busca por un lado recuperar a tradición gandeira con vacas de raza vianesa, en perigo de extinción, e, por outro, darlle novos aproveitamentos ao monte que repercutan na conservación da biodiversidade e na prevención de incendios. Promovida pola Comunidade de Montes en Man Común de Pinzás, en Tomiño, a través desta proposta púxose en marcha un sistema silvopastoril mediante a implementación tecnolóxica e tamén ideará un espazo interactivo de interpretación para achegar coñecementos de valor sobre os montes, os seus usos, os seus retos e a súa importancia tanto ao público infantil e xuvenil como á poboación en xeral.
E por último está a iniciativa do Concello de Oia, onde estanse a realizar obras de mellora no centro de Torroña, na parroquia de Burgueira. A través deste proxecto non produtivo promovido por unha entidade pública estanse a mellorar as condicións térmicas, enerxéticas e de redistribución do espazo deste centro, ademais de acondicionar os servizos hixiénicos para posibles usuarios con mobilidade reducida. Con este proxecto preténdese transformar unha antiga escola unitaria nun espazo destinado á realización de cursos e actividades para o envellecemento activo da poboación.
Todos estes proxectos están co-financiados con fondos da Medida Leader para a posta en marcha de estratexias de desenvolvemento local participativo dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 para as anualidades 2019 e 2020, co-financiada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).