22 Ene O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presenta en FITUR o primeiro reino medieval de Europa
O xeodestino aposta pola historia e a riqueza patrimonial no seu primeiro produto turístico, unha ruta artellada a través de diferentes etapas dende os primeiros poboadores ata os nosos días
Porá a disposición do público unha postal sonora con música da pianista Andrea González e un mapa coleccionable con ilustracións da artista plástica María Meijide
Posta de longo por todo o alto en FITUR do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. A Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e alcaldes, alcaldesas e outros representantes dos 14 concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) presentaron este mércores en Madrid o primeiro produto do xeodestino: unha ruta turística polo primeiro reino medieval de Europa. Trátase dun percorrido artellado a través de diferentes etapas, dende os primeiros poboadores que deixaron o seu selo nas pedras ata os nosos días. “Buscamos impulsar a creación de produto que evidencie a importancia do rol desempeñado polo noso xeodestino na historia de Galicia, un produto sostible, singular, perdurable e diferente”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, durante a presentación.
Esta ruta ten un marcado enfoque vertebrador do xeodestino: que o turista se mova por todo o territorio de Ría de Vigo e Baixo Miño. “Persoas que durman en Tui terán escusas para visitar San Simón e as que fagan noite en Baiona seguro que poderán achegarse ao Baixo Miño”, destacou Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, quen recalcou que “queremos ofrecer ao turista elementos perdurables e que nos identifiquen. Na actualidade, as persoas son moi activas percorrendo un destino e compartindo a súa experiencia nun mundo cada vez máis dixital. A nosa proposta é que esa experiencia, eses recordos, sexan gardados para a posteridade”.
Para conseguilo, o Xeodestino xa ten a disposición do público dous elementos promocionais singulares. Por un lado, unha postal sonora, unha postal para enviar por correo coa imaxe aérea de Tui e cunha pisa de audio engadida que se poderá escoitar nun tocadiscos ou a través dun código QR. Nesta postal soa músicade Frai Rosendo Salvado, emblemático misioneiro de Tui que levou a Galicia ás Antípodas, interpretada pola prestixiosa pianista tudense Andrea González. Haberá unha postal por cada un dos 14 concellos do xeodestino.
Ademais, o público poderá ter información deste primeiro destino turístico grazas a un mapa do xeodestino, ideado como un mapa ou folleto coleccionable que asegure a súa perdurabilidade. Este primeiro mapa conta cas ilustracións da artista plástica María Meijide, que recolle un percorrido pola historia do xeodestio a través de catro etapas diferenciadas: antiguidade, medievo, idade moderna e idade contemporánea.
Plans de futuro
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño conta cunha folla de ruta para os vindeiros 5 anos centrada en 10 liñas de traballo a través das que xerar produto, “10 apostas que non deben de ser compartimentos estancos, senón que aparecerán nexos comúns e se buscarán sinerxías”, como explicou durante a presentación a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. “Galicia destaca polo seu patrimonio, a súa historia, a súa cultura, pero tamén pola súa paisaxe e recursos naturais, pola súa gastronomía e, como non, unha xoia: o Camiño de Santiago”, recordou ao tempo que destacaba outros elementos que favorecen a singularidade do territorio, como a pedra, a fronteira con Portugal, a auga, a práctica deportiva, as festas ou ofrecer un destino turístico tradicional e contrastado para familias en período estival. “E é que a ampla variedade de recursos que conviven na Ría de Vigo e Baixo Miño facilitan artellar o produto turístico, iniciativas que buscarán levar á excelencia a experiencia turística das persoas que nos visitan”, concluíu.