25 Ene O xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño arranca en Fitur 2019 o seu Plan Estratéxico de Turismo
Os alcaldes e alcaldesas dos municipios integrados no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño reuníronse este xoves 24 de xaneiro no stand de Galicia na Feria Internacional de Turismo de Madrid, Fitur 2019, para dar o pistoletazo de saída e comezar a creación dun Plan Estratéxico de Turismo que definirá as liñas mestras coas que todos os municipios implicados (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño e Tui) buscarán a atracción de visitantes nos próximos exercicios. A realización desta acción conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
O obxectivo final do Plan é mellorar a competitividade turística do xeodestino Ría de Vigo – Baixo Miño desenvolvendo produtos turísticos comercializables. Todos estes productos terán como base os recursos turísticos do patrimonio, da cultura e de espazos naturais e paisaxísticos, así como de elementos identitarios e de tradición. Igualmente contarase cos axentes do sector para a súa posta en marcha en diversos mercados.
Varios son os retos aos que se enfronta o xeodestino: a mellora na experiencia turística do visitante, a sustentabilidade omnipresente no sector turístico, a mellora na comercialización de produtos tanto en mercados nacionais como internacionais, a promoción dunha oferta de calidade, etc…
O plan contará cun apartado específico de comunicación e, entre outras accións, crearase unha web específica. Será nesta web onde se facilite o proceso de participación para que calquera profesional ou a propia cidadanía poidan deixar as súas achegas.
Dos produtos turísticos comercializables que resulten do Plan seleccionarase un deles para a súa posta en funcionamento e investirase para a comercialización neste exercicio 2019 en colaboración coa iniciativa privada.
A finalidade última do Plan será a definición de prioridades para o investimento de recursos que poidan conseguir o xeodestino nos próximos exercicios.