04 Sep Inicio das actividades informativas e demostrativas do Itinerario «Cos Pés na Terra» da Escola Eu Rural
O Grupo de Desenvolvemento Eu Rural (Maiv – Baixo Miño) deu onte día 28/08/2017 por iniciada a primeira acción informativa e demostrativa pertencente ao itinerario Cos Pés na Terra que está a desenvolver a Escola Eu Rural en Tomiño.
A primera das accións está centrada na formación en enxerto de verán. Onte se deu por iniciado o curso no salón de plenos do Concello de Tomiño e se desenvolverá dunha forma maioritariamente práctica en Viveiros Nilo, sito en Figueiró, Tomiño.
O itineriario Cos Pés na Terra é un conxunto de actividades de información e demostración subvencionadas polo FEADER no marco do PDR Galicia 2014-2020, que se executarán no segundo semestre de 2017 e primeiro trimestre de 2018, dirixidas á poboación e persoas traballadoras do medio rural e centradas fundamentalmente no ámbito agrario, forestal e agroalimentario.
Entre as actividades dirixidas ao ámbito agrario e o viveirismo, se encontran accións sobre preparación de solos, podas e coñecemento das variedades de froiteiras atlánticas; realización de enxertos en plantas de verán e de inverno; sistemas de control de pragas e uso de productos fitosanitarios ou sistemas de uso eficiente da auga nas explotacións. Como complemento destas actividades está tamén prevista unha visita a explotacións en Asturias relacionadas co aproveitamento de especies froiteiras atlánticas.
Igualmente se levarán a cabo accións dirixidas ao fomento da actividade económica no medio rural, como son as sesións para o coñecemento de ferramentas de emprendemento ou unha xornada centrada no networking relacionado coa venda.
As accións executaranse principalmente no concello de Tomiño e terán un forte carácter práctico, coa colaboración de viveiros da zona. Poderán participar nas accións persoas de todo o territorio de competencia da ADR MAIV-Baixo Miño previa inscrición e admisión de acordo cos criterios de selección establecidos. A inscrición pódese efectuar a través da web www.eurural.org.