500 escolares gozarán da semana do menú ecolóxico da Rede EcoComedores

Do 2 ao 6 de outubro, dous centros de Tomiño e O Porriño probarán unha carta deseñada con produto local e de tempada servida por provedoras do territorio de Eu Rural 

A Rede EcoComedores de Eu Rural dá un novo paso na súa estratexia para promover menús equilibrados e saudables nos comedores escolares. Do 2 ao 6 de outubro, 500 alumnas e alumnos do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño serán os encargados de probar menús especialmente deseñados ao abeiro do proxecto con produto local, de tempada e ecolóxico.

“Estamos comprometidas e comprometidos co benestar dos nosos nenos e nenas e unha parte fundamental da súa saúde e desenvolvemento reside nunha alimentación axeitada. Os comedores escolares son espazos nos que poder inculcarlles hábitos alimenticios saudables que levarán consigo o resto das súas vidas”, explica a presidenta de Eu Rural, Sandra González. González salientou ademais a importancia de iniciativas como esta para “promover a inclusión de produtos locais na nosa dieta, apoiando así ás pequenas empresas da comarca e fomentando a economía do territorio”.

Durante cinco días, rapaces e rapazas degustarán pratos como revolto de ovos con espinacas, polo guisado con verduras, arroz tres delicias, ensalada de garavanzos ou tomate, brócoli gratinado, patacas guisadas con tenreira ou pescada en salsa verde, sempre con froita de tempada como sobremesa.

Todos os produtos empregados para a elaboración dos menús serán servidos por empresas provedoras do territorio de Eu Rural. Así, por exemplo, o pan será do Porriño; a carne será do Suído de Fornelos de Montes dun gandeiro con carnicería propia; o pito ecolóxico e o queixo procederá de Redondela; os cereais integrais, o arroz e as legumes serán da Guarda; a horta e a froita procederá do Rosal e o peixe de Mos. Haberá ademais un día de sobremesa con requeixo das Neves, o único produto que non será da comarca.

Por outra banda, o vindeiro sábado 7 de outubro a Rede EcoComedores celebrará no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño a primeira xornada formativa dirixida a persoal de cociña e persoas encargadas da organización e xestión de comedores escolares en centros con cociña propia. Durante a xornada haberá unha introdución teórica a cargo dunha nutricionista e unha parte práctica na que se poderá probar as elaboracións realizadas. A formación será de balde e as persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da web ata o martes 3 ás 12.00 horas.

A Rede EcoComedores é un proxecto de cooperación que busca tecer unha rede para asesorar, promover e formar ao persoal de cociña e responsables dos comedores escolares na elaboración de menús equilibrados e saudables que inclúan produto local, de tempada e ecolóxico.

Coordinado polo grupo de desenvolvemento local Mariñas-Betanzos, nesta iniciativa participan Eu Rural e outros oito GDR: Seitura 22, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Terras de Lugo, Asociación Montes e Vales Orientais, GDR Limia-Arnoia e Asociación Condado-Paradanta. Conta tamén coa participación de Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) como entidades colaboradoras,

O proxecto está cofinanciado nun 90% pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, en un 10% polas entidades colaboradoras do proxecto.